Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017

documentos

Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos

Moción de censura ao alcalde Lamas

San Sadurniño, 1990

As eleccións municipais de maio 1987 deixaron un resultado complicado para a gobernabilidade do Concello: catro concelleiros do PSOE, catro de "Alianza Popular" e tres dos "Independientes". Era un goberno inestable e imposible sen pactos electorais. A falta de acordo entre Populares e "Independientes" levou por segunda vez á alcaldía ao socialista Manuel José Lamas, gobernando en minoría, mais tendo por diante unha lexislatura convulsa, incerta e difícil -con ampla repercusión na prensa galega- e que rematará cunha moción de censura tres anos despois.
De feito, dende o principio, a meirande parte das propostas do equipo de goberno non contarán co apoio da oposición, ben sexan os orzamentos municipais, as obras de comunicación coa zona industrial ou calquera iniciativa dos socialistas. Alianza Popular
aproveita esta situación para denunciar a paralización administrativa, mentres as vellas arelas do concello como o Centro de Saúde ou o mal estado da praza do Concello non se afrontan. Tamén os "Independientes" critican ao goberno municipal de "despotismo, oscurantismo, rutina e inercia administrativa".
No verán dese ano prodúcese a catástrofe ecolóxica do Xuvia, que encirrou aínda máis á opinión pública local.

Case a finais do ano 1988 os catro membros do equipo de goberno non son capaces de sacar adiante os orzamentos municipais, ante a oposición activa dos sete concelleiros da oposición. Esta esixe acordos para "normalizar" a actividade municipal, amagando coa presentación dunha moción de censura que non chegará a materializarse, segundo se dicía na prensa, entre outras razóns pola "incompatibilidade das persoas".

De feito, en xullo de 1988, o alcalde xa recoñecía a necesidade dun pacto cos "Independientes": "Sabemos que no tenemos la mayoría y que tenemos que pactar". Durante varios días a través da prensa pódese asistir as ofertas, contraofertas, e acusacións mutuas de "Independientes" e "Populares" polo fracaso da moción de censura.

Ao fin, a mediados de novembro de 1988 acádase o ansiado pacto de goberno entre Socialistas e "Independientes". O acordo desbloquea a inestabilidade municipal que se vivía en San Sadurniño dende maio de 1987. Os pacto inclúe os nomeamentos de Fernando Barro como 1º tenente de alcalde e Serafín Gudín Sabín coa Delegación de Urbanismo. O programa do "bipartito" comezou coa aprobación dos orzamentos de 1988 entre as críticas dos populares á xestión municipal de PSOE e "Independientes".
O programa incluía ademais a construción do Centro de Saúde, a remodelación da praza do Concello, a Casa de cultura, o Centro de Ensino Secundario, a aprobación dunha normativa urbanística favorecedora da creación de vivendas no centro de San Sadurniño, o polígono industrial e a construción en cada parroquia dunha pista polideportiva.

Mais o matrimonio PSOE e "Independientes" -agora integrados no Partido Nacionalista Galego (PNG)- durou un ano escaso. Asinouse ao fin o convenio co Bispado para os solares do Centro de Saude e a casa de Cultura e xuntos sufriron o fiasco da papeleira Papelga; presentáronse as normas subsidiarias que provocaron airadas protestas de algúns veciños desconformes pola previsión de rúas lonxitudinais na Avda de Figueroa, por consideralas moi negativas para as súas propiedades e o comezo das obras da Praza do Concello.

A primeira manifestación pública do divorcio anunciado foi cando os socios do PNG, non acoden a unha xuntanza do grupo de goberno de xaneiro de 1990, molestos polas criticas socialistas ao labor de Serafín Gudin en Bardaos. O alcalde retíralle varias competencias aos seus socios nacionalistas. A partir desde feito, a espiral de críticas e contracríticas foi en aumento, chegando mesmo a votar coa oposición. O alcalde Lamas cesa aos dous concelleiros do PNG, dándose por disolta a coalición de goberno. A recén creada asociación do BNG en San Sadurniño -que conta con só 24 militantes- publican o seu primeiro comunicado acusando ao PNG de "caciquismo light" e de practicar unha política de bandazos. Polo demais tamén os socialistas descalificaron as novas posicións adoptadas por Fernando Barro e o PNG:

Como non podía ser doutro xeito, a lea remata o 21 de abril de 1990 cando trunfa a moción de censura e o alcalde Lamas acepta con deportividade democrática a súa derrota. Considera que o seu principal legado é a industralización de San Sadurniño (Intasa, El Cisne, Papelga, Maffezini), a mellora substancial na comunicación entre os diferentes lugares e aldeas do concello e as normas urbanísticas que tiñan como estratexia a creación dun centro urbano. Por outra banda, Fernando Barro xustifica o seu cambio de postura cunha frase de Churchill: "No hay enemigos eternos ni amigos permanentes"
O novo alcalde é Constantino Bedoya do Partido Popular.
Na ilustración, reportaxe sobre a moción de censura en San Sadurniño publicado na Voz de Galicia o 22 de abril de 1990

  • Moción de censura ao alcalde Lamas

  • Obras de comunicación co polígono industrial. LVG 22.3.1987

  • Os populares denuncian a paralización municipal.27.22.1987

  • Demanda de acordos de goberno LVG 20.5.1988

  • Rumores de Moción de censura LVG 5.7.1988

  • Non se descarta un pacto cos independentes.LG 8.7.1988

  • Criticas dos Independentes LVG 8.7.1988

  • Paralización da moción de censura. LVG 4.10.1988

  • Necesidade de pacto con Independentes. LVG 28.10.1988

  • A espera do pacto..LVG 11.3.1988

  • Acusacións dos Independentes de Fernando Barro LVG 4.1..1988

  • Acusacións dos Populares de Constantino Bedoya LVG 9.11.1988

  • Pacto de goberno entre Socialistas e Independientes.18.11.1998

  • Nomeamentos polo pacto de goberno. 20.11.1988

  • Criticas de Populares ao goberno municipal bipartito. 1.2.1989

  • Normas urbanisticas e convenio co Bispado LVG 13.12.1989

  • Protestas polas normas subsidiarias. LVG 13.2.1990

  • Comeza o divorcio entre o equipo de goberno LVG 6.2.1990

  • Contestación de Fernando Barro

  • Alcalde retira competencias os seus socios LVG 14.2.1990

  • Os socIos do PNG alíanse coa oposición.lvg 17.2.1990

  • Cese dos socios de goberno.1.3.1990

  • aumenta o nivel LvG. 8.3.1990

  • O BNG toma partido 15.3.1990

  • Pretenden alonxarme da alcaldía LVG 20.4.1990

  • Constantino Bedoya, alcalde LVG 21.4.1990

  • Comentario sobre a moción de censura LVG 11.5.1990

  • O PP endurece a súa posicion LVG 9.5.1989

  • Inicio do divorcio PSOE-Independientes LVG 20.1.1990

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, San Sadurniño (Concello), conflitos

Compartir en: