Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Justo Alvarez Sierra, alcalde 1850

Casal, San Sadurniño, 1850

Alcalde de San Sadurniño (1846-1848); (1850-1854); (1856-1860); (1863-1864); (1868-1869.

O 1 de xaneiro de 1850 prodúcese outro recambio normativo do goberno municipal como se produce cada bienio segundo a Lei de Concellos de 1845. "Bajo la aprobación del Jefe político de la provincia" noméase por segunda vez alcalde ao Administrador do Marqués. Justo Álvarez Sierra recupera o bastón da alcaldía substituíndo a Juan Pillo.Ten 42 anos e vai acompañado polos concelleiros Antonio García Rodríguez, 1º tte alcalde (Igrexafeita); Gregorio Rey Rodríguez, 2º tte alcalde (Lamas); Juan Pillo (SS); Pedro Soto (Naraío); José Gregorio Beceiro (Monte); Fermín Formoso(SS); Francisco Canosa (Bardaos); José López; José Dopico (síndico), substituído por Pedro Riobó en 1852. Alcaldes pedáneos: Pedro Sueiras (Ferreira); José Cibreiro Fernández (Monte); Manuel Couce (San Sadurniño); Francisco Couce (Lamas); Juan Pita (Bardaos); Pedro Casal (Naraío) e Vicente Lamas (Igrexafeita). En 1852 entran na corporación Ramón Casal, 2º tte alcalde,(Ferreira); Tomás Piñón (Lamas); Francisco Rodríguez; Antonio Fontao (SS); Pedro Couce (Monte); Pedro Fernández; Lorenzo Canosa (Bardaos), Manuel González (Lamas), José Moure Ferández (Igrexafeita). O secretario segue a ser Manuel Azcona. O depositario municipal Juan Varela Brandaríz. Moitos dos concelleiros son labregos, pois en agosto teñen que suspenderse a sesións para atender á colleita.

En maio 1851, con 29 anos, o VI Marqués acada o seu obxectivo estratéxico: emparenta cos Grandes de España mediante unha luxosísima voda en Madrid con Fernanda Villarroel y Goicolea (1827-1873), Vizcondesa de la Frontera, sendo padriños da voda os Reis de España. Simboliza o trunfo da pequena aristocracia periférica ferrolana na capital de España. Ademais milita activamente no Partido Moderado de Narváez e pretende facer carreira política nas máis altas institucións do estado; de feito, días antes da voda acada o status de Deputado no Congreso polo Partido Moderado. Sen embargo, a corrupción xeralizada do goberno e dalgúns membros da familia real, e moi especialmente a crise de subsistencias de 1853 vanlle pasar factura aos moderados co estoupido da revolución progresista de 1854.

Mais en San Sadurniño a vida semella tranquila e inmutábel baixo do bastón de mando do home que controla todo o poder no territorio, o "home do marqués" e alcalde ao tempo. O monárquico don Justo Álvarez Sierra non deixa de proclamar a súa fidelidade á monarquía isabelina: En novembro de 1851 acorda cos párrocos do concello “organizar una fiesta religiosa y tributar a Dios las más rendidas gracias por la entrada de la S.M la reina en el noveno mes de embarazo y haciendo votos para le conceda un feliz parto. Y todos imploren al cielo un pronto y feliz alumbramiento”. Pouco despois, o concello manifesta o seu “júbilo por el feliz alumbramiento de la augusta princesa Isabel” e ordea que en todas as parroquias do distrito “se cante un tedeum para dar las gracias a Dios por la vida y salud de nuestra soberana". A infanta Isabel visitará San Sadurniño en 1906 .
Tamén enviarase un comunicado de repulsa polo atentado contra a vida de Isabel II en 1853. Celébranse "misas e rogativas para el restablecimiento de su salud".

Porén nestes catro anos de goberno de "Don Justo" os problemas multiplícanse. A pesares dos esforzos fiscalizadores, a recadación non deixa de minguar e a débeda co estado de acrecentarse. O alcalde laiase das dificultades para cobrar os impostos aos propietarios: “vista la general apatía con que la mayor parte de los vecinos hacen poco caso de pagar las contribuciones". A crise de 1853 obrigará a solicitar a supresión dos impopulares e inxustos impostos de consumos para os mais pobres e garantir a súa subsistencia, "por el estado de máxima necesidad". Dunha poboación de 3.900 almas considerábanse a 926 como pobres de solemnidade. As malas colleitas pola climatoloxía adversa, os impostos de consumos sobre bens de primeira necesidade ("comer, beber e arder") e a falta de perspectivas sociolaborais, están a provocar unha penuria e miseria sen precedentes na poboación de San Sadurniño, así como un incremento espectacular da delincuencia; os bandos municipais falan da necesaria colaboración para capturar aos que rouban as colleitas. En setembro de 1850 autorizase a creación dun grupo de "hombres armados de confianza" para combater aos ladróns. No catastrófico ano da fame de 1853 actívanse as patrullas polas parroquias polo crecente número de roubos nos campíos para roubar millo e legumes.
Outro proxecto fallido destes anos foi a repoboación forestal. No verán de 1851, o goberno español decide acometer un proxecto para crear viveiros de abres nos pelados montes de Ferrolterra. O concello recoñece "que no tiene tierras en propiedad,porque no existen ni hay bienes propios que administrar", polo que "Don Justo" pretende impulsar viveiros individuais entre os veciños e que cada un "faga semilleiros de castiñeiros, carballos, noces e piñeiros ao tempo que se fai a sementeira do trigo". A campaña ponse en marcha e os alcaldes pedáneos identifican os emprazamentos mais axeitados para as plantacións “para que ninguna parroquia baje de los cuatro ferrados, o sea una fanega de tierra con plantación e bellotas y castañas”. Haberá que roturar e acondicionar doadamente o terreo para a sementeira durante 1853. Mais ese será de novo o ano infausto da crise, un ano anómalo en choivas que estragou todas as colleitas como veremos a continuación.

O ano 1853 pasará a á historia como“o ano da fame”, por mor dun anómalo ano agrícola. Será ademais o punto de inflexión para o comezo da emigración masiva á América.
En maio enviouse un informe ao Goberno Civil sobre da situación agraria en San Sadurniño: “En este distrito las cosechas se hallan sumamente atrasadas a proporción de otros años, sin que hasta la fecha se halla comenzado la riega a excepción de algún centeno y un poco trigo que pudieran hallarse en sitios más o menos calientes, se solicita un aplazamiento de los repartimientos e arbitrios”. Outro informe de xullo indicaba: "La cosecha de trigo y centeno ha sido menor que mediana por no haber ardido los montes por la abundancia de agua del año último y no hay existencia de granos de anteriores cosechas. La cosecha de patatas si bien ha sido abundante en las pocas que se plantaron, se observa que en la actualidad se pudren en su mayor parte por lo que no puede haber ningún sobrante más bien hacen falta; tampoco hay cosecha de vino y el maíz se resenta regular pero tardío y la destruyen las heladas. El precio del trigo se incrementó hasta los 16 reales y la miseria general hace que se incrementen los robos de patatas por el distrito”
As "patrullas armadas" terán que actuar contra dos ladróns de alimentos, o prezo dos alimentos básicos disparouse e a miseria xeral chegou a San Sadurniño. Por suposto, poucos impostos se poderán pagar nun ano así. Nese ano, moitas familias tomaron a decisión de emigrar á América para buscar algunha perspectiva de futuro.
Unha das poucas novas positivas destes catro anos será o inicio das obras do camiño veciñal de Ferrol a Ortigueira que atravesa San Sadurniño en 1852.
O día 4 de febreiro de 1854, o veciño de Lamas José María Castrillón farase cargo da alcaldía, mais nese ano prodúcese a Revolución de 1854 e San Sadurniño terá catro alcaldes.
"Don Justo" recunca de novo na administración das propiedades do Marqués, que tamén anda en horas baixas polo trunfo dos seus inimigos políticos, os liberais progresistas.
Mais Justo Álvarez Sierra aínda retornará á alcaldía para un terceiro mandato (1856-1858) tras do golpe de estado moderado do xeneral Leopoldo O' Donnell en 1856.

  • Justo Alvarez Sierra, alcalde 1850

  • Corporación municipal 1852

  • Prezo dos cereais en San Sadurniño en 1853

load

Documentos:

Rosalía de Castro e o ano da fame (1853)
Patrullas armadas de vixiancia en San Sadurniño en 1853
Escolas de ferrado

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, conflitos, Pazo da Marquesa, San Sadurniño (Concello), xente

Vídeos:
"O ano da fame"

Compartir en: