Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Justo Álvarez Sierra, alcalde 1846

Casal, San Sadurniño, 1846

Alcalde de San Sadurniño (1846-1848); (1850-1854); (1856-1860); (1863-1864); (1868-1869..
Justo Álvarez Sierra, naceu en 1808 en Cedeira. Era fillo de Francisco Álvarez Sierra e Ángela Rodríguez veciños de Cedeira. Casou con Manuela Mayobre (Ferrol) e tiveron catro fillos: Antonio, Victorina, Carmen e Ramona Alvarez Mayobre, casada co practicante municipal Serafín Alende Blanco. Viviron sempre no Pazo do Marqués. En 1843 -con 35 años- comezou a traballar como Administrador dos intereses do Marqués de San Sadurniño, cargo que exercerá ata o seu falecemento en 1871. Álvarez Sierra substitúe ao vello administrador do marqués e tamén alcalde (1840) José Santamaría.
Nos primeiros dez anos do reinado de Isabel II (1844-1854 producirase o asentamento do sistema político liberal mediante a nova Constitución moderada de 1845 e o goberno autoritario de Narváez. O VI Marqués de San Sadurniño José Mariano Quindós, busca novos horizontes e ao cumprir 21 anos en 1843 vaise para a corte de Madrid. Polos seus intereses en San Sadurniño responderá Justo Álvarez Sierra. O Marqués debía ter unha gran confianza nel, posto que que foi o seu "home" en San Sadurniño durante case 30 anos. Así pois, Álvarez Sierra como o seu patrón, tamén será afín ao Partido Moderado de Narváez
Como deseguida demostrou cualidades orgaizativas na xestión das terras e colonos do pazo, o concello presidido por Antonio Sisto (1844) nomeao depositario de fondos municipais: "por ser persona de confianza a esta corporación, como igualmente su casa, de toda seguridad por la situación del edificio". (Pazo do Marqués). Así pois Don Justo controla os diñeiros públicos, mais tamén os privados do seu todopoderoso patrón, o Marqués.

O día 1 de xaneiro de 1846, tres anos despois da súa chegada a San Sadurniño, foi nomeado alcalde substituíndo a Antonio Sisto. Daquela o goberno moderado elixía directamente aos alcaldes cada dous anos entre unha listaxe selectiva das familias mais ricas do concello segundo a Lei de Concellos de 1845. O todopoderoso Marqués controlaba dende Madrid os resortes do poder municipal en San Sadurniño a través do seu Administrador-Alcalde. Na corporación acompáñano: Antonio García, 1º tenente (Igrexafeita); Pedro Canosa, 2º tenente,(Monte); Manuel Ribera (Lamas); Andrés Teijeiro (Lamas); Ramón Casal (Ferreira); Pedro Couce (Monte); Felipe Freyre; Pedro García (Lamas); Antonio Castro (Ferreira); José Moure (Igrexafeita) e Vicente Soto. Todos xuran: "defender el bien procomunal, sostener la contribución de la monarquía de Isabel II, guardar y hacer obedecer las leyes del gobierno". Juan Pillo é o depositario do concello e Manuel Azcona o secretario municipal.
Na primavera do primeiro ano da alcaldía do moi conservador Álvarez Sierra, iniciábase o pronunciamento liberal do coronel Miguel Solís "contra da dictadura de Narváez, as leis tributarias e un trato mais xusto para Galicia". O exército español aplastou aos sublevados en Cacheiras e os líderes fusilados en Carral o 26 e abril de 1846. Os ecos da revolta chegan tamén a San Sadurniño pola obrigatoriedade de elaborar listaxes de “individuos que se hayan pasado a las filas rebeldes” -en San Sadurniño semella que ninguén a secundou- a creación de patrullas de veciños que vixíen camiños para detectar malfeitores e posibeis rebeldes, así como o inventario das armas de fogo que hai no municipio.

Justo Álvarez Sierra, quen debeu ser un bo xestor para a época, pretende modernizar e institucionalizar definitivamente a actividade municipal seguindo o ronsel dos liberais moderados. Comezou establecendo unha multa (un ducado) por cada inasistencia aos plenos. Xa no primeiro pleno de febreiro impónselle a multa a Manuel Ribera e Andrés Teijeiro "por falta sen xustificar".
Unha das obrigas esenciais das novas corporacións liberais foi a implementación dun sistema fiscal centralizado que recadara todos os impostos do estado. Trátase de aplicar a reforma tributaria de 1845 do ministro moderado Alejandro Mon que suprimía unha morea de impostos diversos, que en varios casos remontábanse á Idade Media. Na Lei establécense os impostos de riqueza rústica, patrimonial ou industrial ademais do impopular imposto de consumos (similar ao IVA actual). Para elo aplícanse determiñados criterios de avaliación da riqueza e a propiedade. Lamentablemente a meirande parte das terras de San Sadurniño aínda permanece en mans da nobreza, ata que as remesas dos primeiros emigrantes permitan o acceso á propiedade das terras traballadas polos labregos, nomeadamente as do Conde de Lemos nas parroquias de Ferreira, Lamas, Naraío e Igrexafeita. Nas outras parroquias, a propiedade aínda seguirá en mans dos sucesores de Fernando de Andrade, quens apostan polo aluguer de casais e terras e non polo seu aforamento. Noustante o Concello insta a celadores municipais e alcaldes de barrio para que se poñan as pilas e apliquen as leis municipais tributarias. Para que "non se poda alegar ignorancia", os bandos lense os tres primeiros días festivos nos adros das igrexas á saída das misas. Tamén colócase na porta da igrexa parroquial unha táboa de anuncios para os que saiban ler. Porén, dende o concello advírtese “de la calamidad y escasez de metálico que hay en este distrito” agravado pola dispersión e as deficientes comunicacións. A imposibilidade para crear un sistema impositivo racional será un dos problemas recorrentes ao longo do século XIX e que obrigará a manter unha débeda local case permanente coa Administración.
A respecto doutros dos problemas fundamentais do concello, o problema educativo, conclúese que é imposible establecer unha escola elemental completa “por la longitud y latitud de este distrito". Haberá que poñer escolas en cada parroquia, mais isa mellora aínda tardará varios anos en ser efectiva.
O 30 de xaneiro de 1848, Don Justo abandoa a corporación municipal, sendo substituído por Juan Pillo. Mais dous anos mais tarde, o día 1 de xaneiro de 1850, Justo Álvarez Sierra volverá a manexar o bastón da alcaldía para un segundo mandato (1850-1854).

  • Justo Álvarez Sierra, alcalde 1846

  • Sinaturas dos concelleiros 1846

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, Pazo da Marquesa, San Sadurniño (Concello)

Compartir en: