Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

José Santamaría, alcalde

Agra de abaixo, San Sadurniño, 1840

Alcalde de San Sadurniño (1840-1841)
José Santa María era o home de confianza do ferrolán Marqués de San Sadurniño, aínda mozo e estudante en Compostela, atendendo e cobrando as rendas e alugueres de colonos e caseiros. Quizais fora o principal motivo para ser nomeado depositario dos fondos municipais nos comezos da actividade municipal en 1838 e 1839.
O 7 de xaneiro de 1840 tomou posesión como alcalde electo substituíndo a Manuel Azcona. Gran parte dos membros da corporación eran caseiros e colonos do Marqués ou familiares directos: José Beceiro, 1º tt alcalde (Monte); Juan Loureiro Fernández (Lamas); Andrés Mera (Ferreira); Francisco Barro, (Igrexafeita); Andrés Pereyro; Tomás Piñón (Lamas); Juan Pérez; Baltasar Rivera, síndico (Lamas). O depositario municipal será José Vigo.

A comezos de 1840 España vive en tempos convulsos. A pesares de rematarse a guerra civil carlista, a pretensión do Partido moderado de limitar a autonomía municipal e suprimir a elección popular dos alcaldes, ten moi indignados ao Partido progresista e aos sectores mais demócratas da sociedade española. A tensión resólvese co Pronunciamento do xeneral progresista Espartero no verán, culminando coa proclamación como Rexente de España o 12 de outubro que pon fin á Rexencia de María Cristina. O pleno municipal de San Sadurniño do 15 de outubro de 1840 faise eco do pronunciamento progresista de Espartero exortando a ”mantener ilesa la constitución de 1837, ante la amenaza de la libertad, expresando esta Junta el patriotismo de este cuerpo municipal que siempre ha estado unida a la Junta de la capital del distrito desde que se aprobó la constitución de 1837 y haremos todo lo posible para mantener la constitución pronunciada en este año”.

Durante o ano da alcaldía, José Santamaría tenta reorgaizar a xestión municipal mediante unha rede de pedáneos e celadores que recaden os impostos que continuamente está a reclamar o estado, entre eles a "contribución extraordinaria" pola Guerra Carlista. A súa experiencia como administrador e "cobrador" das rendas do Marqués será útil na implementación dun servizo de recadación municipal. Tamén establece a obrigatoriedade de asistencia dos concelleiros aos plenos os días un e quince de cada mes. O alcalde reclamará ao Goberno provincial unha menor contribución territorial do distrito San Sadurniño, así como unha nova distribución das cargas impositivas, reducindo as de Lamas -moi elevadas- e incrementando as de Ferreira. Saca a subasta o servizo de correos á capital. E comeza a "vixiar" á actividade do secretario José Ramón Brandariz, do que desconfía a corporación municipal.
Como detalle anecdótico, o vello e moi católico José Santamaría publicará un bando no que se poñen baixo control de pedáneos e celadores municipais as “peligrosas reuniones” que se fan nos fiadeiros e muíños, impoñendo unha multa de 10 reais aos donos das casas onde se fagan ditas xuntanzas.
Continuará como alcalde ata marzo de 1841 no que foi substituído por Pedro Riobó, posiblemente por enfermidade. O vello administrador da marquesa falecerá en 1842 no Pazo do Marqués no que vivía.
Na ilustración, sinaturas do equipo de goberno de José Santamaría

  • José Santamaría, alcalde

  • Recibo de cobro asinado polo administrador José Santamaria (1838 e 1839)

load

Comentarios

Máis imaxes

Compartir en: