Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

José Piñón, alcalde

Castiñeira, Igrexafeita, 1865

Alcalde de San Sadurniño (1865-1866)
O día 1 de xaneiro de 1865,o gobernador civil procedeu ao relevo bianual da corporación municipal substituíndo a Justo Álvarez Sierra. A corporación é continuista coa liña política de "D.Justo", pois José Piñón é un pequeno propietario nado en Ferreira, mais residente na Castiñeira (Igrexafeita), que xa fora o seu conselleiro no bienio anterior. José Piñón Alonso nacera arredor de 1810, fillo do matrimonio de Ferreira composto por María Alonso (Doso)Antonio Piñón,con experiencia municipal en 1854. Casou con Antonia Rodriguez coa que tivo catro fillas: María, Juana, Rosenda e María Piñón Rodríguez.
Os concelleiros son: Francisco Couce Díaz, 1º tte alcalde (Lamas); Felix Soto Lago, 2º tte alcalde,(Naraío); Andrés Beceiro Lago (Monte); Nicolás Fernández; Vicente Casal (Ferreira); Castor Fernández; Domingo Fernández Fernández; José Salas Lago (SS); Domingo Luaces (Ferreira); Rafael Freire (Igrexafeita); José Sisto Viladoniga, síndico (Bardaos); José María Castrillón López depositario municipal (Lamas). O propio secretario do Concello, Justo María López, tamén é o recadador municipal. O cargo de aguacil-porteiro municipal ven sendo ocupado por Angel Saavedra.
O xuramento do cargo segue a ser o que está en vigor dende 1845 no xa decadente e corrupto goberno de Isabel II: "¿Juráis por Dios y por los santos evangelios guardar y hacer guardar las leyes y la constitución de la monarquía, ser fieles a su majestad Isabel II y conduciros bien y lealmente en el desempeño de vuestro cargo? Si así lo hicierais Dios os lo premie y si no os lo demande”. Os plenos celebraranse os domingos as 9 da mañá.

Aparte das lecturas burocráticas das Órdenes ministeriais e Boletíns que veñen da capital e a organización de reemprazos, mozos e quintos, a vida en San Sadurniño transcorre con tediosa monotonía. En 1865 o Marqués de San Sadurniño foi nomeado por Isabel II alcalde de Madrid, polo que non terá moitas oportunidades de visitar as súas propiedades galaicas, perfectamente controladas polo sempre eficaz e veterano Justo Älvarez Sierra, o auténtico poder de San Sadurniño.
Nas actas dos plenos non poden faltar as constantes alusións á dificultade para a recadación fiscal nun territorio tan disperso. Avísase constantemente a morosos e contribuíntes que notifiquen das modificacións na situación dos inmóbeis. Para solventar o controvertido asunto dos impostos de consumos, a corporación proporá que ditos impostos se recaden nos mesmos establecementos públicos que vendan “viño, augardentes, sidra, vinagre, aceites, xabón ou carne de vaca en fresco “ e que o déficit resultante se recade entre os veciños segundo repartimentos por parroquias. Esta decisión será motivo de fraude e ganancia para comerciantes e industriais. Tamén provocará moitas críticas e comentarios na veciñanza. De feito, o goberno municipal da 1ª república en 1873 demandará aos responsábeis destes anos por non cobrar os impostos de consumo. O orzamento de 1866 ascendeu a 3.027 escudos de prata..

Nos últimos anos do reinado de Isabel II, España está inzada de proxectos ferroviarios que atravesan o pais, mais en San Sadurniño, as parroquias segue illadas como na Idade Media e suxeitas aos avatares climáticos que estragan cada inverno as precarias pontes de madeira de ríos e regatos. A ponte chamada “nova” que comunicaba coas Somozas arrombouse, segundo o pleno porque “algunos vecinos de las Somozas lo inutilizaron a propósito, según es público y notorio”. Porén, José Piñón acorda non arranxala senón construír unha nova que solvente os problemas de comunicación co concello veciño.

O alcalde amósase satisfeito co proceso de aplicación da Lei de instrucción Pública. Aínda que hai seis escolas incompletas que só funcionan seis meses ao ano, pois “de abril a septiembre no concurren los niños a la escuela por tener que atender las labores del campo, resultando un gasto del todo punto infructuoso”; mais felicita aos mestres de San Sadurniño polos excelentes resultados malia deficiencias, “por el celo e infatigable laboriosidad de los maestros”. Tamén nestes anos comeza a rotulación de casas, vías públicas e parroquias a cargo de José Alonso Sal, tarefas que por mor das características do distrito vai moi lentas.
E ao fin chegan os kilogramos e os metros a San Sadurniño. O goberno está a ultimar un decreto para establecer a obrigatoriedade do sistema métrico decimal. Por razóns diversas -revolución do 1868- a implantación definitiva adiarase ata 1880. O 30 de decembro de 1866 o gobernador Civil comunica ao alcalde que debe abonar unha colección de pesas e medidas métrico-decimais para o municipio, cun custe de 60 escudos. Mais o pleno afirma que non pode asumilo porque non ten presuposto orzamentado para “semejante objeto”.
O día 1 de xaneiro de 1867 prodúcese outro relevo municipal normal. O gobernador civil nomea a José Couce López como novo alcalde de San Sadurniño.
José Piñón morrerá na súa casa da Castiñeira (Igrexafeita) o 19 de maio de 1890 aos 80 anos de enfermidade senil.

  • José Piñón, alcalde

  • Orzamento municipal 1866

  • Sinaturas corporación de José Piñón

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: San Sadurniño (Concello), xente, Alcaldes de San Sadurniño, Ferreira, Igrexafeita, escola

Compartir en: