Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017

patrimonio

Monumentos, igrexas, edificios, patrimonio inmaterial e pezas singulares -grandes e pequenas- de San Sadurniño: castelo de Naraio, castros, convento do Rosario, creador@s, cronoloxía histórica, cruceiros, fontes, igrexas parroquiais, pequenas capelas, lendas, megalitismo , muíños, pazo da marquesa, visitantes senlleiros,

Fonte e capela do San Cristovo da Portela

A Portela, San Sadurniño, 1

San Cristovo da Portela ven a ser outro dos conxuntos patrimoniais característicos de orixe precristiá, unha combinación clásica nas sete parroquias de San Sadurniño: castro, capela e fonte milagreira. Podémolos ver en Amido (Igrexafeita), A Esperanza (Monte) ou San Cristovo (Ferreira).
Estes elementos tamén están presentes en San Cristovo da Portela, ao carón do castro de Rupiallo, unha pequena igrexa adicada a un Santo moi primitivo e unha fonte de tradición secular. O Castro de Rupiallo (de Rupi, lugar rochoso), está situado na entrada ao Val de San Sadurniño preto dun pequeno paso de montaña (A Portela). O porto da Portela xa aparecía no Catastro de Ensenada en 1752 como marco delimitador das terras xurisdicionais do Concello.
Ese carácter de encrucillada, de lugar de "entrada", paso, ou "saída" do Val de San Sadurniño, quizais fose o motivo de que o "Santo" venerado na Portela sexa San Cristovo, na devoción popular o patrón dos condutores, viaxeiros e peregrinos. Probablemente o Deus primixenio deste lugar na Idade do Bronce tamén debeu ser unha deidade protectora dos camiñantes e dos moradores do castro de Rupiallo e de xeito similar a outros castros galegos, unha gran estatua de pedra presidira a entrada ao castro.

Antigamente -dende o século VII- as imaxes de San Cristovo de Licia adoitaban situarse na entrada de todas as igrexas cristiáns, de xeito que os crentes puideran contemplala doadamente, xa que así evitaban a "mala morte" ou "morte súbita". Nas representacións primitivas de San Cristovo figuraba coma un xigante de enorme cabeza -as veces de can- ollos de lume e forza hercúlea. Segundo a tradición popular quen mira ao San Cristovo ten a garantía de que non vai morrer nas seguintes vinte catro horas, polo que está considerado como o mellor protector ante a morte súbita en toda Europa. Isto o convirte no patrón das profesións arriscadas, como por exemplo os atletas, mais tamén dos que teñen que transportar fisicamente cargas pesadas, ou evita a morte solitaria de viaxeiros e peregrinos mentres camiñan polos montes. «Si del gran San Cristóbal hemos visto el retrato, ese día la muerte no ha de darnos mal trato». Considerábaselle como un dos 14 santos auxiliadores pola súa eficacia ao responder ás invocacións dos fieis. A imaxe do San Cristovo tamén protexe ás aldeas das treboadas de sarabia e das pragas nos cultivos protexendo as colleitas. A soa invocación do seu nome fai fuxir os demos, as enfermidades físicas, así como a ira, o lume, a fame e a peste. Protexe ademais contra as dores de moas e a inflamación dos dedos. O seu bastón florido coida dos xardineiros e os cultivos dos labregos. Verdadeiramente era un santo moi poderoso no imaxinario popular.

O significado iconográfico e iconolóxico da figura de San Cristovo ten a súa orixe en tradicións pagáns, que o poñen en contacto con deuses ou heroes dende Eneas ou Hércules ao deus Anubis, como portador das almas cara o alén. Durante a Idade Media o seu culto foi moi extenso tanto en Oriente como en Occidente. Manterá o súa forza e devoción durante os séculos posteriores, mais coa chegada da Contrarreforma e o Concilio de Trento no século XVI, a súa advocación decae. A Igrexa quere depurar aos seus Santos, non pode permitirse ningunha sospeita de superstición e San Cristovo ten unha procedencia confusa, cando non fantástica. A súa imaxe vai desaparecendo das portas das igrexas e mesmo chegan a prohibir a "Oración ao San Cristovo". O Vaticano porá aínda máis dificultades ao seu culto en 1969.

Así pois, o Santo agocha un culto precristián que a chegada do cristianismo converteu en San Cristovo. O topónimo "Portela" confirma que o lugar tivo un uso antigo identificativo dun espazo especial para os que ían ou viñan polo antigo Camiño Real, sendo ademais un marco de límite xurisdicional. Por baixo da Capela agroma a fonte en pedra labrada do santo patrón dos viaxeiros e que tradicionalmente tiña poderes curativos para os males relacionadas coas viaxes e nomeadamente a morte súbita..
Aquí podes escoitar o seu son gravado en plena seca, no mes de xullo do 2017:


A capela ofrece pouco interés arquitectónico porque foi reedificada nos séculos XVI ou XVII sobre dunha capela moi antiga. A última restauración importante aconteceu nos tempos da República en 1935 como sinala unha inscrición no dintel da porta de entrada. O seu aspecto actual é o resultado da reforma realizada en 1980 polo párroco Ramón Díaz Raña.
O día do santo do patrón é o 10 de xullo. Alí celébrase a tradicional Festa do San Cristovo, onde a veciñanza segue a honrar ao seu deus protector da Portela.
Na fotografía, fonte da capela de San Cristovo.

  • Fonte e capela do San Cristovo da Portela

  • Santo Cristovo da Portela

  • Fonte da Portela en xullo 2017

  • Representacion primitiva do San Cristobo

  • Capela de San Cristovo

load

Documentos:

Gastos da restauracion da Capela da Portela (1980)
La imagen de una oración prohibida. Culto a San Cristobal

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Capelas, castros, fontes, lendas, patrimonios, San Sadurniño (parroquia), sons

Autor/a: Manuel González Álvarez

Compartir en: