Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017

documentos

Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos

Fernando de Andrade, I Señor de San Sadurniño

San Sadurniño, 1526

I Señor de San Sadurniño.
Fernando de Andrade pasa por ser o fundador do Convento do Rosario e o Señorío de San Sadurniño. Mais as súas orixes aínda son confusas. Convén comezar afirmando que non ten que nada ver coa coñecida saga nobiliaria dos Andrade de Pontedeume. Os especialistas identifícano cun neto bastardo de “Nuno Freire de Andrade, o Mao”. Podería seren que os cobizosos Andrade lle outorgaran algún couto ou rendas como prestameiros aos seus devanceiros a finais do século XIV . Ou tamén podería ser que as rendas deste pequeno cabaleiro formaran parte dos bens que o seu avó lle "roubou" ao cabaleiro Freire de Lanzós tras da súa morte alá polo 1420. En calquera caso é unha rama secundaria dos Andrade que aparece en San Sadurniño a finais do século XV. E tamén parece confirmado que o seu pai era Roi Freire de Andrade, a súa nai Isabel de Castro e que vivían en San Sadurniño.
Non se lle coñecen feitos de armas ou sucesos heroicos a este pequeno cabaleiro que xa “recibía” foros en Cedeira en 1483, cando tería de vinte a trinta anos de idade. Casou con Inés de Castro e Lanzós, filla do caudillo irmandiño, coa que tivo 12 fillos. Inés pleitou durante boa parte da súa vida polos bens roubados ao seu pai a causa da súa destacada participación na revolta irmandiña. Ao fin, en 1500, tras da morte da súa nai, recuperou parte das posesións –algunhas en San Sadurniño- como dote. Coa herdanza de Inés e os bens de Fernando, fundaron a comezos do século XVI un convento adicado a Santa María sobre das ruínas da vella encomenda templaria dotado con 5 capeláns, cóengos regulares de San Agustín. Tamén por influenza da súa muller, Fernando teimou por crear un Morgado que garantise a perpetuación do seu nome e estirpe, para evitar así a dispersión dos bens entre os fillos. Así lle lo piden á Raíña Juana en 1515, aínda que á esa altura, Inés de Castro xa morrera e Fernando casara de novo coa dama Berenguela das Mariñas.
Tras da morte da primeira muller, Fernando de Andrade continua organizando os bens fundacionais do señorío que está en proceso de creación, seguindo a vontade de Inés de Castro, que aporta coa súa dote numerosas posesións á “fundación”. Arredor de 1520 realiza un troco de vasalos con Rodrigo Enríquez de Castro II, Conde de Lemos. O de Lemos cedía os que tiña en Santa Mariña do Monte a cambio dos que tiña Andrade en San Pantaleón de Lemos. Nese troco van os casais de Escoitadoira -que era unha gran fraga que se talou para facer carbón- o casal do Vilar, o casal de Frey González ou o casal das Calvelas entre outros. Nesas novas terras comezará a edificar un pazo que rematará o seu fillo Juan Freyre de Lanzós.
Ao fin, o 17 de maio de 1526, Fernando remata o seu proxecto vital mais transcendental: a creación do Señorío e Mordago de San Sadurniño no seu fillo Juan Freire de Lanzós nun documento que podes ler aquí “para que os meus descendentes no se puedan vender, ni dar, ni donar, ni trocar, ni cambear ni axenar por ni hipotecado, el dho vuestro hijo ni por otra persona, o personas de los que subcedieren en el dho. Mayorazgo e para que quede perpetua e recordable memoria de mi linaxe e vuestro e por bos facer vien y merced de mi proia ciencia e deliberada voluntad sin premea fuerza ni parte de engaño fago donacion no rrevocable". Mais nese día sinalado, nin sequera pode asinar o documento fundacional por estar enfermo e practicamente cego. Debeu vivir e sentir coma un cabaleiro ata a súa morte arredor de 1527, pois no seu sartego preséntase con todos os elementos do código cabaleiresco: cota, calzas espada, peto e daga, cun can aos pés pola súa afección pola caza. Ver análise do sartego realizado por Margarita Sánchez.
Terá doce fillos con Inés de Castro e Lanzós.
1- Xoán Freire de Andrade e Lanzós, II Señor de San Saduniño.
2- Fernán Pérez de Andrade, casou con Ana Barbosa,dona do couto de San Mateo (Trasancos).
3- Pedro Bermúdez de Castro, crego das freguesías de San Román de Montoxo e San Cosme de Cervo (Cedeira)
4- Alonso de Lanzós.
5- Antonio de Andrade.
6- Nuño Freire de Andrade.
7- Dª Isabel de Andrade. Casou con Pedro de Miranda.
8- Dª Constanza de Andrade. Casou con Fernán Reymondez, Señor de Figueroa (Betanzos).
9- Dª Tareixa de Andrade.
10- Dª María de Andrade, monxa en San Paio de Antealtares (Santiago de Compostela).
11- Dª Beatriz de Andrade.
12- Dª Inés de Andrade
Terá cinco fillos coa segunda muller Dª Berenguela das Mariñas
1- Gómez Freire de Andrade. Casado con Beatriz de Serantes. Fundadores do Morgado de Serantes.
2- Diego de Andrade.
3- Dª Bárbara de Andrade.
4- Dª Xoana de Andrade.
5- Dª Xenebra de Andrade.
Ma ilustración, sartego de Fernando de Andrade na Igrexa de San Sadurniño

Fernando de Andrade, I Señor de San Sadurniño

Documentos:

Fundación do morgado de San Sadurniño. Carlos Breixo
Os señores de San Sadurniño. Fundación do morgado de San Sadurniño. Fernando Dopico Blanco
Análise do sartego de Fernando de Andrade. Margarita Sánchez. (2014)
Documento fundacional do morgado de San Sadurniño

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Convento do Rosario, patrimonios, Pazo da Marquesa, San Sadurniño (Concello), Señores de San Sadurniño

Autor/a: Manuel González Álvarez

Compartir en: