Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Emilio Morandeyra Serén, alcalde

Riboira, Lamas, 1941

Alcalde de San Sadurniño 1941-1944
Naceu o 28 de maio de 1904 na parroquia de Santa María de Foxado (Curtis). Fillo de Nicolás e María Antonia. Casou moi novo con Carmen Fajardo de Andrade Prieto, opositora ao corpo de mestres en 1930 e destinada a Canarias en abril de 1931. Mais en outubro de 1933 xa era a mestra titular en Lamas. Emilio acompañaba á súa muller e vivía polo tanto na casa do mestre en Lamas, que corría por A casa do capador. Traballaba como xestor de fincas ou escribinte accidental no Concello republicano e as veces colaboraba na escola da súa muller. En 1938 tentou entrar no Concello nos servizos de recadadación e tesourería, considerando que era xefe de escuadra das milicias de segunda fila de Falange española e das JONS. Mais non foi aceptado.
Cando tiña 37 anos, foi nomeado alcalde polo gobernador civil de Coruña o 9 de decembro de 1941, tomando posesión dez días despois co mesmo equipo de concelleiros do seu antecesor Faustino López Loureiro. Mais en marzo de 1942, un oficio do gobernador civil remudaba completamente a Corporación Municipal con novos concelleiros: Jesús Carro Castelo, Emilio Vigo Couce, Luciano Paz Pena, Juan Prieto García, Avelino Casal Malde, Aquilino Montero Fojo, José Ferreira Toimil, Evaristo Cibreiro Pantin, Manuel Fernández Freire e Emilio Casal Villabrille. A constitución oficial do Concello terá lugar o 27 de abril de 1942.

Aqueles eran anos difíciles. As secuelas da Guerra Civil e a Segunda Guerra Mundial estaban a provocar unha fonda crise de subsistencia na xa depauperada poboación española. A ditadura de Franco tivo que establecer cartillas de racionamento para paliar a miseria e a fame durante a década dos corenta; o que se deu en chamar os "anos da fame". De feito, o orzamento municipal de 1942 era de 72.462 pesetas e non chegaba a cubrir as necesidades do Concello.
Dende xullo de 1936 os alcaldes de San Sadurniño foran os comerciantes locais Pelayo Casal, Segundo Yáñez e Faustino López, todos eles naturais do concello. Quizais o non ter nacido en San Sadurniño, fose un dos motivos do nomeamento de Emilio Morandeyra, ademais de ser "leal al nuevo régimen". Ven coa encomenda de reorganizar a fondo a endogámica administración municipal e "revisar" a xestión económica dos anteriores alcaldes. Para elo comezará por establecer un plan de pagos das numerosas débedas pendentes do Concello -como por exemplo a báscula de Santa Mariña mercada en 1938 e aínda sen pagar- así como a revisión das taxas e ingresos municipais. De feito o novo orzamento de 1943 incrementarase en case vinte mil pesetas ata as 92.497. Tamén recollerá as queixas dos veciños polo comportamento do veterinario Bernardo Mouriz, residente en Ferrol, quen ao parecer tiña abandonadas as súas obrigas en San Sadurniño como o recoñecemento de porcos e vacinación de animais. O Concello ábrelle un expediente e suspéndeo de emprego e soldo. Coa mesma enerxía, Don Emilio "obrigará" aos propietarios da Casa Cuartel da Guarda Civil, Honorina Loureiro Couce, Senén López Loureiro e Perfecto Calvo Fernández a que reformen completamente o edificio, tras da protesta oficial do seu Comandante ao anterior alcalde Faustino López, (irmán do propietario) polo mal estado da Casa Cuartel. Tampouco aceptará a reclamación de incorporación do antigo secretario municipal , o expedientado Juan Rilo, porque novo secretario dende xaneiro de 1943 será Emilio Janeiro Campo. Nese mesmo ano restablece a celebración da “Fiesta del árbol” o 2º domingo de febreiro coa participación de todas as escolas, ao igual que noutros concellos da provincia. Non hai orzamento para obras públicas, aínda que o Concello proporcionará algúns recursos -cemento- para que os veciños constrúan unha fonte en Lamas e San Sadurniño. Unha das derradeiras decisións do seu goberno vai ser o arranxo da Casa Consistorial que xa estaba en obras en xaneiro de 1944.
Porén, tras dous anos na alcaldía, Emilio Morandeyra presenta a dimisión o 6 de abril de 1944 por “ausentarse de este municipio”, sendo substituído provisoriamente por Lino Mera Campos ata o nomeamento de Emilio Vigo. A súa muller, Carmen Fajardo, acadara praza de mestra en Bergondo para o curso 44-45, o que motivou o traslado familiar. Alí en Betanzos montará unha empresa de materiais de construción, finando o 27 de marzo de 1986.

  • Emilio Morandeyra Serén, alcalde

  • Emilio Morandeyra

  • Sinatura de Emilio Morandeyra

  • Emilio Morandeyra e Camen Fajardo coa súa filla Carmucha nacida en Lamas

  • Carmen Fajardo na escola de nenas de Lamas (1944)

  • Carmen Fajardo na escola de Bergondo (1964)

  • Nomeamento da nova corporación municipal (1942)

  • Escola da casa do capador (2014). Vivenda do alcalde Emilio Morandeyra (1934-1944)

  • Cartilla de racionamento (San Sadurniño 1943)

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, Lamas, San Sadurniño (Concello), xente

Compartir en: