Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Ellis Henry Thomas, "o inglés" e a mineiría en San Sadurniño

Chao, Campolabrado, Naraío, 1900

Descoñecemos as razóns exactas polas que o enxeñeiro de minas galés Ellis Henry Thomas, chegou a Ferrolterra cara finais do século XIX. Sabemos que nacera na fermosa cidade de Caernarfon o 20 de xaneiro de 1852, sendo fillo de Henry Thomas e Elisabeth. Podería gardar algún tipo de relación co pioneiro da xeoloxía inglesa Henry Thomas de la Beche, impulsor da Escola Real de Minas, onde debeu estudar "Don Eliseo".
Algunhas fontes apuntan que chegara a exercer como tenente coronel do exército inglés e que percorrera o norte de África e o Sur de España na procura de xacementos mineiros. O caso foi que, con 31 anos, este galés inquedo e aventureiro "aterrou" en Ferrolterra arredor de 1883, supervisando as canteiras de Lourido en Naraío. A comarca debeu lembrarlle o seu Gales natal, polas vizosas montañas, a cor da paisaxe, o mar bravo da costa e o aínda descoñecido potencial mineiro do norte da provincia coruñesa. O seu labor como experto en xeoloxía e minas debullou nas terras da comarca de Ferrol na procura de vetas de mineral, nomeadamente ouro. Parece ser que había piritas de ferro, de cobre e de arsénico, que resultaron ser auríferas, pero ¿canto ouro había?. Unha noticia da época fala de 200 e 300 gramos por tonelada. Mais tamén atopou vetas de ferro, cobre, lignito, etc. A minería en Ferrolterra e San Sadurniño tiña unha longa tradición, posiblemente dende os comezos da idade dos metais e dos tempos da romanización. Será "Don Eliseo, o inglés" o pioneiro que poña en valor a riqueza mineira da comarca de Trasancos.
Temos novas das súas andainas cinexéticas polos montes da comarca en 1894 e de varias concesións mineiras en Naraío arredor de 1890. Cando estaba asentando en Lourido coñeceu á que sería a súa compañeira na vida, María Dolores Pérez Lago (Igrexafeita 1866-) coa que tivo catro fillos. O primeiro deles, José María, morre en 1893. Arredor de 1907 decidiu facer casa en Naraío e ao seu carón construirá anos mais tarde unha peculiar cochera. Ao fin, aos 55 anos poderá disfrutar dun verdadeiro fogar. Sempre indómito ante calquera percance, amosando o seu enérxico carácter de galés indomábel ao enfrontarse cun can salvaxe ou denunciar ao Marqués de San Sadurniño por privatizar un camiño público porque xa pasara "el tiempo de la esclavitud".
Faríase complexo desenvolver as peripecias de "Don Eliseo" por mor da frenética mobilidade do enxeñeiro galés polo territorio ferrolán. Topámolo nas abandoadas minas de ouro de Cobas entre 1911 e 1914, traballando para “Mines de Cuivre du Ferrol”; nas minas de A Barquera, Lousada e Cruz do Pouso; mais tamén nas Pontes en 1917 formando unha sociedade pioneira con José Caramelo Casal para explotar o lignito. Daquela, a maior parte do mineral extraído de xeito rudimentario en As Pontes transportábase en carros de cabalo para surtir aos barcos da Armada o que reducía considerablemente a rendibilidade. A explotación mineira será mercada pola empresa Nacional Calvo Sotelo en 1946.
É difícil coñecer polo miúdo o que atopou "Don Eliseo, o inglés" nas numerosas prospeccións mineiras que realizou en Ferrolterra. Rexistrou dereitos, vendeu, comprou, escavou....mais.asentouse en Naraío, na casa coñecida hoxe como a "do inglés", e alí falecerá cristianamente, ás tres da tarde do 15 de xullo de 1940, aos 88 anos, diante do cura de Naraío Serafín Pumar Pita e o "seu amigo e fillo", Constantino Olegario Pérez.
Agradecemento especial para o neto de Don Eliseo, Camilo Pérez Fernández e a súa muller Manuela Galdo García.

  • Ellis Henry Thomas, "o inglés" e a mineiría en San Sadurniño

  • Grupo nas minas. Á esquerda, Don Eliseo "O inglés"

  • Selo de Henry Thomas

  • Don Eliseo de cacería. (El lucense, 6-12-1894)

  • Casa de Don Eliseo "O inglés"

  • Cochera de Don Eliseo "o inglés"

  • Comezo da mineiría en As Pontes. (El correo de Galicia, 6-9-1917)

  • Explotación do lignito das Pontes (Galicia Pintoresca, 3-1-1918)

  • Un can ataca a Don Eliseo (6-6-1908)

  • Roubo na Louseira (ABC,10-11-1908)

  • Ultimas vontades de Don Eliseo "O inglés"

load

Documentos:

Novas soltas sobre a minería en San Sadurniño
Petición de camiño público (1916)

Comentarios

Máis imaxes

Temas: emprendedor@s, Naraío, mineiría, San Sadurniño (Concello), visitantes, xente, tecnoloxía, outros lugares, conflitos

Autor/a: Manuel González Álvarez

Compartir en: