Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

documentos

Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos

Doazón de Ferreira para o mosteiro de Xuvia

A Seara, Ferreira, 1125

Na altura de 1125, Pedro Froilaz, Conde de Traba, “propietario” das terras de Trasancos e San Sadurniño, gran Señor e “Príncipe de Galicia” xa ten 55 anos. Está canso tras dunha vida vertixinosa e apaixoante, con demasiadas responsabilidades políticas ou persoais e decide deixar o seu legado “atado e ben atado”, e ao tempo, entrar con bo pé na “outra vida”. Por iso, o 27 de febreiro do 1125, Pedro e a mais a súa muller, a condesa Maior Guntroda, doan parte da súas inmensas propiedades en Ferrolterra ao mosteiro da familia Froilaz: o mosteiro de Xuvia, como xa fixera o seu irmán Rodrigo Froilaz con Naraío no 1114.
Entre as numerosas propiedades cedidas ao mosteiro figuran dúas igrexas no concello do actual San Sadurniño: San Paio de Ferreira e mais San Vicente de Ferreira, “con todo o que a elas pertence”.
No documento queda patente que Pedro Froilaz é o propietario dambalas dúas igrexas na súa integridade, polo que posibelmente fora a súa familia quen mandara edificar algunha delas durante os séculos X ou XI. O documento máis antigo que se conserva da parroquia de Ferreira data do ano 1095.
Entre as testemuñas presentes na doazón figuran as irmáns de Pedro, Visclávara Froilaz -monxa en Xuvia- e Munia Froilaz, fundadora do mosteiro do Pedroso en 1111. Precisamente un ano mais tarde, en 1126, Pedro Froilaz doará "San Sadurniño" para o mosteiro do Pedroso, propiedade da súa irmá. Con istas doazóns -aparentemente tan xenerosas- garantíase a continuidade das posesións dos Froilaz en membros da propia familia e polo tanto o manteñemento de todos os resortes do poder feudal sobre das súas terras e vasalos. Pedro Froilaz morrerá en 1128, sendo soterrado no Panteón real da Catedral de Santiago.
Por outra banda, o documento ten moito interese para a historia de San Sadurniño, xa que acredita que no alto do Pico Ferreira, nesa data, ainda estaba en pé a primitiva igrexa de San Vicente, de tradición precristián, e xa construída outra nova igrexa prerrománica adicada a San Paio na Seara. Podes baixar e ler no documento adxunto unha pouco coñecida tradición céltica que se celebraba cada 25 de maio no cumio do Pico de San Vicente e que consolida ao Pico Ferreira como un dos lugares mais “máxicos” do Concello de San Sadurniño.

Doazón de Ferreira para o mosteiro de Xuvia

Documentos:

As tradicións célticas do Pico San Vicente (1999)
Documento de doazón de ferreira ao Mosteiro de Xuvia

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Ferreira, igrexas parroquiais, outros lugares

Compartir en: