Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

extramuros

Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,

Carvalho Calero en San Sadurniño

Outeiro, 1948

Como pequena contribución á celebración do Día das letras galegas faremos hoxe uns breves apuntamentos da relación do gran escritor Ricardo Carvalho Calero con San Sadurniño.

A primeira nova remóntase a novembro de 1933 nos tempos da 2º República, cando Carvalho Calero, un mozo de 23 anos recentemente cumpridos, achégase a San Sadurniño para participar nun mitin que se celebrou no Campo da Feira co gallo da campaña electoral para as eleccións xerais. Non sabemos o qué alentou naquel día, pois viña acompañando a Ramón Suárez Picallo, o cabeza de lista polo partido Galeguista na provincia de Coruña.

Mais a relación "especial" con San Sadurniño virá da man de Esperanza Carnero Dopico, “Chicha” -nada en Outeiro en 1929- e alumna de Don Ricardo. Chicha estudaba bacharelato en Ferrol a mediados dos anos corenta na “Academia Rapariz”, institución onde Ricardo Carvalho Calero impartía clases semiclandestinamente tras da guerra civil, porque como represaliado non se lle permitiu exercer oficialmente como profesor durante moitos anos. Chicha foi recollendo historias do "seu" Outeiro que logo transmitía en forma de traballos escolares e parladoiros ao seu profesor. Cunha das historias de Chicha, Don Ricardo escribirá unha pequena peza teatral: “A farsa das zocas” (1948). O propio Carvalho Calero afirma que “está ambientada na vida rural galega da posguerra, e baseada nun relato popular recollido en San Sadurniño”. Segundo relata a propia Chicha, a historia contoulla a ela un gran fabulador de historias de San Sadurniño, un labrego de escasa instrución, pero moi imaxinativo que tamén vivía en Outeiro, chamado Ignacio López Dopico, e sogro do gran Manolo Rico do que publicamos moitas historias en Fálame. Ignacio, sen apenas formación escolar, tiña unha imaxinación desbordada e mesturaba a realidade con historias de aparecidos e pantasmas que impresionaban fondamente á Chicha nena e adolescente. Unha das súas frases era: “Eu teño visións”. Chicha lembra a don Ricardo e Ignacio neste audio:



A trama da "Farsa das zocas", ten como punto de partida o falso testamento que realizan diante un notario un home e a súa irmá para quedarse coas propiedades da súa muller. Mais en realidade, este foi un caso real acontecido na primeira década do século XX en San Sadurniño e así foi contado polo notario local, o tamén poeta García de Quevedo, cos testemuñas de Salvador de Couce e Xosé de Xil (das Somozas). En Fálame están publicados varios artigos e poemas do notario-poeta. Aquí podes ver a súa historia. Este feito real que lle aconteceu ao notario, será o punto de partida sobre o que o imaxinativo Ignacio López construirá nun relato fantástico para a adolescente Chicha e esta á súa vez llo transmita á Ricardo Carvalho Calero.

Asemade, Chicha lémbranos cómo moitos dos personaxes doutra gran obra de Carvalho Calero, “A xente da Barreira” (1951), -primeira novela en galego da posguerra- están inspirados tamén en historias e persoas reais que vivían no que denominaban “A Barreira” en Outeiro. Un conxunto de retratos variopintos do mundo rural e que moitos deles descríbense como “personaxes que se moven arredor dun pazo, onde vive a decadente aristocracia”. Como o propio escritor ferrolán recoñece: “Seduziron-me muitas das notícias sobre ese tipo de vida rural, a causa determinante foi o contacto que estabelecín, a través doutras persoas, cun mundo que a min, nado no Ferrol vello, xunto ao mar, me era descoñecido”.

Así pois, nestas dúas obras, "A farsa das zocas" e "Xente da Barreira" podemos procurar o ronsel de Sansa na obra de Carvalho Calero. Unha boa escusa para achegármonos á súa literatura.

O grupo de teatro de Santa Mariña do Monte está a preparar a montaxe da peza teatral “A Farsa das zocas” que estrearán neste ano complicado de 2020. Aquí esta o trailer promocional, realizado polo tamén chanfaineiro Fran Bermúdez.

  • Carvalho Calero en San Sadurniño

  • Mitin de Carballo Calero en San Sadurniño en 1933

load

Documentos:

"Farsa das zocas": entre a tradición e a vangarda. Maria Carmen Suarez Rey
Didáctica do texto dramático. O relato mítico e a trasmodalización. Aracéli Herrero Figueroa

Comentarios

Máis imaxes

Última imaxe

Temas: labregos e labregas, lendas, San Sadurniño (parroquia), visitantes, xente, teatro

Vídeos:
"Vieiros de Esperanza": Ricardo Carvalho Calero
Farsa das zocas. Consello da Cultura Galega.

Compartir en: