Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

músicas

San Sadurniño ten unha longa tradición e asentada afección por todo tipo de músicas cancións, eventos musicais, festas e romarias, músicos de San Sadurniño

"Apuntamentos para un filme sobre Cantareliña"

San Sadurniño, 2019

6ª Chanfaina Lab (20). Estrea: venres 3 de abril do 2020
Directora: María Yáñez
Imaxe e son: Luís Avilés
Reparto: María Yáñez, Ivan Sanjurjo, Sabela Íñiguez .
Canción principal: "A pantasma Tom". Grupo Estreliñas, 1998
Sinopse:"A primeira vez que estiven en San Sadurniño foi no 1988, con case 10 anos, para participar no concurso de canción infantil en galego Cantareliña.  O concurso, que organizaban membros do grupo musical Saraibas cando o cura Ramón Díaz Raña, foi todo un fenómeno sociocultural na Galicia dos anos 80 e o seu epicentro era San Sadurniño. Hoxe hai unha xeración de nenas e nenos que ou ben participaron, desde lugares de todo o país, ou escoitaron as cancións nos diferentes discos que se editaron. Antes da xeración Xabarín estaba a xeración Cantareliña. E aproveitei a miña visita a San Sadurniño participando no Chanfaina Lab para lembrar aqueles tempos con outros dous participantes, Iván e Sabela."
Duración: 11'.18"
Gravada en San Sadurniño durante a fin de semana do 6 ao 8 de setembro do 2019 dentro do programa da 6ª Chanfainalab


María Yáñez (Lugo 1978), é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Desenvolveu moitos proxectos para cine e televisión coa produtora Continental, e anos máis tarde dirixiu para a TVG o documental "Linguas Cruzadas", o programa "O país dos ananos", así como varias galas e especiais da TVG. Leva dúas décadas traballando como xornalista en medios dixitais, desenvolvendo contidos audiovisuais para internet, deseñando estratexias de comunicación online (Bravu.net, Vieiros, etc) e comisariando diversos proxectos de cultura dixital como o festival Carballo Interplay ou o LAIC da Coruña. Asemade traballa como docente en numerosos masters sobre novas tecnoloxías. María está considerada como un referente e unha das profesionais máis sobranceiras da cultura dixital en Galicia. Na actualidade dirixe VINTE , unha revista online de sociedade, cultura e tendencias vinculada ao xornal Praza.gal.

María xa viñera a Sansa de cativa e traía unha bala na recámara ateigada de nostalxia; ela mesma relata con total precisión o proceso de cociña da súa idea: "Coma outra moita xente, abafada polos quefaceres do traballo diario, cheguei a San Sadurniño sen unha idea moi clara do que ía facer. Quería deixarme levar pola experiencia, explorar o lugar, aproveitar para escapar do barullo cotián para facer un exercicio de introspección e de experimentación coa cámara. Na recámara levaba a idea de facer algo sobre Cantareliña, pero tampouco tiña moi claro o qué. O caso é que as cousas saíron doutra maneira. En vez de ir eu soa por aí, nun momento dado decidín meterme nun coche con Luís Avilés, Ana Moreiras e Susana Diz, que tamén andaban chanfaineando e ían dar unha volta e localizar. Foi a mellor idea que puiden ter. Porque das conversas, dos vermús, das risas e das historias que nos contamos uns aos outros saíu o estímulo para facer algo sobre "Cantareliña". Esa tiña que ser a historia. Logo cadramos con Ivan Sanjurjo e Sabela Íñiguez, e cando empezamos a falar de Cantareliña saíunos espontaneamente aos tres cantar o himno. Aí foi onde atopei o fío condutor da película. Pedinlles que viñesen comigo ata o parque da Marquesa, onde se celebraba o festival, e aí tivemos unha conversa na que puiden participar grazas que a cámara a fixo o amigo Avilés.
Xa tiña algo de material do que partir, e a posibilidade de entrevistar tamén a Martín e Miguel Sanjurjo, de Saraibas, dous dos impulsores do festival. Medio quedara con eles o domingo para gravalos, pero ese plan tamén se alterou por tres motivos: 1) Decatarme de que esa xente ten tanto que contar que excedería o límite de tempo e de produción da miña peciña para o Chanfaina. A súa testemuña merece mellor capacidade de escoita, de rexistro e de edición da que eu tería eses días. Convén gardala para cando se faga un documental de verdade sobre Cantareliña, e está claro que hai que facelo. 2) Apetecíame facer algo máis persoal, partindo da miña xeración e da miña propia experiencia, e non tanto un traballo xornalístico.  3) O San Pipote de Bardaos. Acabamos Iván, Ana, Susana e mais eu collendo de noite un taxi a Bardaos para asistir á verbena e procesión de San Pipote. Tiñamos moitas ganas de festa e estivemos bailando ata preto das 6 da mañá. Debían ser as 7:30 cando me deitei, daquela maneira. E ás 9:15 acordei toda agobiada. E a miña película? Só gravara aquela entrevista e algúns recursos. Que máis podía facer?. Apenas quedaba un día de gravación e nin tiña moita idea de que gravar nin, por suposto tiña corpo ou a cabeza despexada. Púxenme a escribir daquela un guión para unha posible voz en off que contase, case a tempo real, a miña experiencia no chanfaina e as miñas dificultades para atopar a película. Inspireime nas películas de Elías León Siminiani, que case se van facendo a si mesmas de xeito autobiográfico, con moitos detalles que parece que non importan pero si que importan: a verbena, o kalimotxo, as gravacións dos meus compañeiros, as conversas con outros chanfaineiros aqueles días, a morte de Camilo Sesto, que acababan de anunciala esa mesma mañá… ben, escribín 5 folios de voz en off coa inxenuidade de que algún día tería tempo para montar toda aquela historia. E de que sería de interese para alguén. Ao final a intuición (e a resaca) levoume a buscar a esencia do que quería contar. Para iso só precisaba silencio, un lugar e unha frauta. E un operador de cámara e son, de novo Luis Avilés. E despois de almorzar regresamos ao Parque da Marquesa, onde me puxen a tocar a frauta que me prestara Sabela intentando sacar a melodía de "A pantasma Tom", a canción coa que concursamos en Cantareliña. Se non fose polos kalimotxos da noite anterior nunca tería o valor para pórme diante da cámara a facer iso. Véxome e saio horrible, pero fágome gracia. Vese que fun quen de entrar nun nirvana que me retrotraeu a aquela primeira viaxe a San Sadurniño. E compadezo a Luís, que tivo que aturar 25 repeticións da melodía na frauta. Por chamarlle algo a aquel tocar cheo de erros e para o que me faltaba o alento."


En "Apuntamentos para un filme sobre Cantareliña" intégranse de marabilla os dous niveis que caracterizan os bos documentais: por unha banda a mirada propia e o pouso persoal que converte en único un filme, e pola outra o rexistro da memoria colectiva ou experiencia humana a través de testemuñas directas ou material de arquivo."E o resultado o proceso foi esta peli. Unha humilde homenaxe, a Cantareliña e un pouco tamén a Agnès Varda, que disque ten algo do seu estilo. Pero eu prefiro chamarlle Agnès Bardaos. Intento que estean presentes ambos aspectos: a testemuña do “nós” (os nenos que fomos a Cantareliña) e a performance do “eu". As imaxes do arquivo fixeron o resto. Tamén como homenaxe á memoria colectiva que se comparte espontaneamente en internet e pola que tanto fan proxectos como Fálame de San Sadurniño." Moitas grazas María por esta delicatessen requintada e por manter viva unha lembranza que rende xustiza a un esforzo colectivo realizado hai anos por veciñas e veciños, nenos e nenas de toda Galicia.
Fotografías de Cesar Galdo

  • "Apuntamentos para un filme sobre Cantareliña"

  • María Yáñez na 6ª Chanfainalab

  • María Yáñez na sesión preparatoria da 6ª Chanfainalab

  • María prantando o castiñero da 6ª Chanfainalab

  • María e @s cineastas da 6º Chanfainalab

  • María na prantación do castiñeiro da 6ª Chanfainalab

  • María facendo unha fotolembanza do novo castiñeiro

  • María na "Eira de cineastas"

  • María na foto oficial da 6º Chanfainalab

  • María de marcha polo San Pipote de Bardaos xa de madrugada

  • María de resaca pola mañá

  • Luis, Sabela, Maria e Iván

  • Comezando a gravar a historia de Cantareliña

  • Iván e María en espello coa cámara

  • Na gravación de "Apuntamentos para un filme sobre Cantaleriña"

  • María, Luis, Susana e Ana Moreiras.

  • Martín Sanjurjo e María.

  • Sabela, Maria e Iván Sanjurjo

  • María no set de rodaxe de "Casa Torina"

  • María no xantar da Chanfaina

  • María e Cruz Piñón no fotocall da 6º Chanfainalab

  • María c@s cineastas da 6º Chanfainalab

  • María recollendo a "Lola chanfaineira"

  • María Yáñez na estrea mundial de "Apuntamentos para un filme sobre Cantaleriña"

load

Documentos:

"Cantareliña" por Ramón Díaz Raña
"Eu vivín Cantareliña" por María Yáñez

Comentarios

Ramón Díaz Raña

2020-04-06 11:42:15

Ola María. Moi ben todo. Grazas polo recordo. Ánimo

María Yáñez

2020-04-06 12:16:48

Moitas grazas a ti pola mensaxe, Ramón. Alégrome de que che gustase. A moita xente lle fixo recordar Cantareliña, é impresionante a pegada que deixou en moitas de nós. Unha aperta grande.

Máis imaxes

Temas: cancións, eventos, festas e romarías, música, músicos, nenos e nenas, Pazo da Marquesa, San Sadurniño (Concello), vídeos, visitantes, Chanfaina'Lab

Autor/a: María Yáñez

Vídeos:
Linguas Cruzadas
Canle "Vinte na Praza"

Compartir en: