Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Ángel Gavín, alcalde

O Casal, San Sadurniño, 1964

Alcalde de San Sadurniño 1964-1971.
Naceu en Riotorto (Lugo) no ano 1921 no seo dunha familia humilde. O seu irmán, José María Gavín Porrás, era sacerdote en Ferrol e fora destinado á parroquia de San Sadurniño, onde administraba ademais os intereses da Marquesa. Ángel Gavín estaba a facer o servizo militar en Ferrol e viña de cando en vez a San Sadurniño para botarlle unha man ao seu irmán. Á morte da marquesa en 1953, os problemas da administración da herdanza complicáronse espectacularmente e Ángel decidiu empregar o seu coñecemento da xestión administrativa no ronsel do irmán. Tamén participaba activamente no grupo teatral de San Sadurniño daquela. Mais a morte de José María en 1958 por un infortunado accidente, púxoo ao fronte dos intereses dos colonos e caseiros, e converteuse no impulsor dunha visionaria Cooperativa Comunitaria en San Sadurniño. Un proxecto pioneiro co que acadou algunhas satisfaccións, mais tamén varios desgustos. Asemade foi xuíz de paz e responsable da “Hermandade de labradores y Ganaderos” polas súas especiais habilidades na xestión económico-administrativa. Quizais fosen eses os principais argumentos polo que o Gobernador Civil decidiu nomealo Alcalde de San Sadurniño en substitución de Francisco Dorado quen levaba 9 anos na alcaldía.
A toma de posesión como alcalde foi o 25 de agosto de 1964 da man do alcalde accidental Cecilio Balseiro Dopico, acompañado polo seu equipo de concelleiros: Ángel Sanjurjo Gil, Daniel Fernández Arias, José Bastida Prieto, Cesar López Fernández, Albino González Mouriz, Manuel Mera Anidos, Paulino Fernández Romero e Ricardo García Muiño. (Podes descargar a Acta en Documentos)
Os anos da alcaldía de Ángel Gavin foron intensos, a pesares do cativo orzamento municipal (640 000 ptas no ano 1966); mais dous anos despois, o concello xa tiña superavit. Ademais das xestiones clásicas dos anteriores alcaldes como instalar puntos de luz, arranxar camiños ou instalar lavadoiros públicos (Agra e Cornide), Ángel Gavín era un soñador e concibiu un proxecto para resolver de cara o futuro todas as necesidades educativas de San Sadurniño. Propúxose mercar 10.000 metros cadrados de terreo ao carón do concello para edificar un grupo escolar pioneiro que agrupase as deficientes escolas unitarias que salpicaban o disperso territorio de San Sadurniño. Unha escola con comedores, transporte escolar, espazo para actividades deportivas ou para ampliacións e melloras sucesivas. O concello solicitouno oficialmente o 5 de febreiro de 1966. Os anos seguintes falouse paseniñamente con veciños e veciñas, un a un, con paciencia e tolerancia, ata que a comezos de 1969 o obxectivo estaba cumprido e todas as terras eran xa propiedade do Concello. En decembro de 1973 inaugúrase o que hoxe é o CPI de San Sadurniño.
Mais o alcalde Gavín tamén vai planificar o abastecemento de augas da parroquia de San Sadurniño en outubro de 1969; a tramitación da concentración parcelaria en Bardaos, Santa Mariña, Lamas e San Sadurniño; a reforma integral da casa consistorial segundo proxecto de Alfredo Alcalá Navarro (xuño de 1969); ou o polémico arranxo da curva do pazo (verán de 1967), ante a negativa das monxas a deixar o paso pola súa finca. Inaugurou o edificio de ampliación do Colexio das monxas en 1967. Tamén intentou levar adiante outra idea pioneira: construir un paseo ao carón do Xuvia na Cortiña con piscinas, camping e praia fluvial que lamentablemente non chegou a un acordo coa Cooperativa, propietaria dos terreos (1967).
Angel Gavín deixou a alcaldía por vontade propia -razóns de índole laboral- o 20 de abril do 1971, traspasando o bastón de mando a Santiago Secada . A corporación municipal faralle unha rendida homenaxe nove días despois. Traballará no Banco de Bilbao das Pontes ata a súa xubilación en Xuvia. Casara en San Sadurniño con Aurora Merlán Saavedra. En 1982 montou o "Café del palacio”, un negocio familiar xestionado tamén polos seus fillos. Morreu aos 93 anos o 5 de novembro do 2014. Veciñas e veciños saudaron unánimemente a súa xentileza, honradez, sinxeleza e bonhomía.
Juan Gavín Merlán lembra así ao seu pai:

Aquí podes ler unha entrevista no xornal Pegadas, realizada no 2009. Na fotografía o alcalde saínte, Francisco Dorado, saúda ao novo alcalde Angel Gavín.

  • Ángel Gavín, alcalde

  • Toma posesión como alcalde (27 de agosto de 1964)

  • Conflito pola herencia da Marquesa 1954

  • Morte de José Gavín o 17 de xuño de 1958

  • Toma de posesión

  • Angel Gavín -no centro- na colocación da primeira pedra do colexio das monxas (1967)

  • Sinatura do alcalde Angel Gavín

  • O Concello en obras (1968)

  • Reforma do concello (1969)

  • Angel Gavin na inauguración na nova Casa do Concello (xuño 2014)

  • Angel Gavin paseando polas beiras do Xuvia segundo o pintor Manolo Carballeira

  • Negativa das monxas a facilitar o paso pola súa propiedade (1966)

load

Documentos:

Entrevista a Angel Gavín. "Pegadas". 2009
Toma de posesión do alcalde Angel Gavín (1964)
La Cooperativa de San Saturnino adelantada en el progreso del campo gallego. (El Ideal Gallego, 27-04-1966)
Entrevista con Gavín (El Ideal Gallego, 2-07-1968)
Entrevista con Ángel Gavín (La Voz de Galicia, 27-04-1966)

Comentarios

Máis imaxes

Temas: escola, San Sadurniño (Concello), xente, Alcaldes de San Sadurniño

Autor/a: Juan Gavín Merlán

Compartir en: