Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

empresas

Negocios, comercios ou empresas que desenvolven ou desenvolveron a súa actividade no Concello de San Sadurniño: bares e tabernas, datos estatísticos, empresas agrogandeiras, empresas da madeira, empresas de servizos, empresas enerxéticas, emprendedor@s, mineiría

A tenda de Don Pelayo

San Sadurniño, 1915

Pelayo Casal Novo nacera en 1867 en Ferreira, fillo dos labregos Vicente Casal e María Novo. Sendo aínda adolescente emigrou a Cuba. De feito aparece na listaxe de prófugos do servizo militar en 1887. Tras traballar como dependiente por diferentes comercios, Pelayo creará unha sombreirería moi popular na Habana. Ao finalizar a guerra de Cuba retornará cunha pequena fortuna e arredor de 1907 constrúe unha gran casona na Avda do Marqués de Figueroa. Xusto ao carón onde estivo o mítico Bar Tolos.
No baixo da casa, construida con toques "indianos", Pelayo abre un gran comercio de tecidos que a xente chamará popularmente a tenda de “Don Pelayo”, mantendo rivalidade comercial có negocio similar de Luís Loureiro Pita sito en Outeiro. Casou coa mestra de San Sadurniño -dende 1891- Carmen Alende Álvarez, neta do todopoderoso cacique local do século XIX Justo Álvarez Sierra, coa que terá dous fillos: José Casal Alende e María Casal Alende.

A súa prosperidade económica –é un dos maiores contribuíntes do concello- e o seu talante conservador serán motivos para ser elixido alcalde de 1912 a 1914 e varias veces concelleiro na década de 1920, sempre no ronsel do Partido Conservador ou da Unión Patriótica baixo a Ditadura de Primo de Rivera. En 1936 era un dos homes máis ricos de San Sadurniño, figurando como o maior contribuínte "por urbana" da parroquia de San Sadurniño.
Coa sublevación militar de 1936, cando Maximino Lobo Navascués, tenente da Garda Civil de Ortigueira interveña o Concello o 26 de xullo de 1936, cesará a Vicente Castro Naveiras, -o alcalde republicano- e nomea novo rexedor a Pelayo Casal, considerado como "un respetable industrial de toda la vida” e veterano conservador que xa ten daquela 69 anos. Pelayo xura nese día “cumplir las disposiciones emanadas del poder público para el bien de la patria y de la República”. O primeiro pleno da primeira corporación franquista celébrase o 28 de xullo de 1936.
Pelayo Casal será o “Delegado Civil” do Concello, tendo que aplicar as "directrices" do poder militar durante o fatídico verán de 1936. En realidade deberá obedecer as ordes do Delegado militar, o tenente da Garda Civil de Ortigueira ou do Delegado de Orden público en Ferrol, o tamén comandante da Garda Civil Victoriano Suances Suances. O lector interesado pode ampliar esta información en (1936-1937). Parece ser que o talante moderado de Pelayo Casal salvou algunhas vidas naquel nefasto verán de 1936. Pouco máis poido facer no escaso tempo -menos dun ano- que mantivo a vara da alcaldía. Porén, Pelayo Casal Novo presenta a dimisión o 1 de xullo de 1937 “por motivos de salud y edad avanzada”. O 19 de xullo de 1937 toma posesión como novo alcalde Segundo Yáñez Fernández.
Pelayo Casal morre o 17 de xuño de 1944, aos 77 anos de idade, na súa casa de Marqués de Figueroa. E coa súa morte comeza a decadencia definitiva dun dos negocios máis populares da historia de San Sadurniño no século XX. O edificio volveu a ter vida pública coa apertura do "Bar Tolos" en 1984
Na ilustración, podemos ver a mítica "tenda de Don Pelayo" nun dos seus momentos de esplendor arredor de 1915, cortesía xenerosa do investigador Eliseo Fernández, que xa ten enviado máis fotografías e documentos á Fálame de San Sadurniño. Agradeceríamos moito si alguén dispón dunha fotografía de Pelayo Casal.

  • A tenda de Don Pelayo

  • Casa e negocio de Pelayo Casal

  • Guia comercial de San Sadurniño 1932

  • Sinatura de Pelayo Casal Novo

  • María Pelayo Alende -sentada a terceira dende a esquerda- arredor de 1918

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: emprendedor@s, empresas de servizos, emigración, familias, Ferreira, San Sadurniño (parroquia)

Compartir en: