Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017

mirada propia

Creacións audiovisuais, literarias ou artísticas realizadas por autores naturais ou residentes en San Sadurniño: creador@s, escultura, Revista Pumariño, músicos, pintura, poesía, teatro

"A bizcochada"

Naraío, 2015

2ª Chanfaina'Lab (12). Estrea venres, 6 de maio do 2016
Director: Carlos A. Quirós
Actriz: Vicenta Rego Bouza (Vicenta do Castelo)
Posprodución e montaxe: Cristina Esteiro e Carlos A. Quirós:
Posprodución de Son: Gabriel Prada
Sinopse: "Tras sufrir un roubo na súa casa, Vicenta do Castelo botou en falta un colar e uns poucos cartos que deixara quedar nela. Ao revisaren a mesa da cociña descubriu que os asaltadores levaran algunha outra cousa inesperada.".
Duración: 11' 30"
Gravada nos días 5 e 6 de setembro do 2015 en Naraío dentro do programa da Chanfainalab. A peza poderá verse de novo tras dun tempo de rolda polos festivais.

.
Aínda que naceu en Ferrol, Carlos A. Quirós pasou longas temporadas na casa da avoa Vicenta en Naraío. Carlos lémbrase "dos xantares familiares polo patrón, as andainas en bicicleta, os baños no río Castro, mais tamén de buscar o leite á tenda ou recoller patacas e mazás na horta da avoa". Titulado en realización pola EIS de Coruña e Produción polo MPXA , Carlos foi alternando traballos industriais como realizador de videoclips, publicidade ou a serie infantil "Os bolechas". Actualmente está a finalizar un docurreality para TVG, "Feito con Cabeza", sobre persoas inxeniosas e inventores de Galicia. Dende a súa produtora Cuerda floja produce pezas máis persoais de indubidable repercusión mediática, mesmo en festivais nacionais e internacionais como o xa clásico viral Ferrol Mola. Tamén ultima a curtametraxe "Servizo Social" que rodará en exteriores de Naraío, ademais dun feixe de ideas e proxectos que bulen polos miolos deste creativo cineasta con raíces en San Sadurniño.

O tema de "A bizcochada" xurdiu da súa relación coa avoa de Naraío "Cando escoitei a historia da man da miña avoa Vicenta decateime que había algo máis que unha simple rabecha cara as persoas que asaltaron a súa casa. Nin sequera o desacougo cara o medo a poder ser atacada nalgunha outra ocasión era importante. Pareceume que había un enorme sentimento de rancor cara esas persoas por un motivo que vai alén do material: o menosprezo ao sagrado, ao máis persoal e íntimo. Caín na conta entón que había unha pequena historia que merecía ser contada. Fuxía da cotidianeidade dun furto miúdo nunha aldea e ademais restáballe dramatismo á situación porque o que para nós non deixaría de ser anecdótico: o roubo dun anaco de biscoito; para ela remataba por ser o máis importante converténdose nunha teima persoal".

Por sorprendente que pareza, ningunha das, case surrealistas, situacións que aparecen no filme foi guionizada, nin forzada, nin sequera plantexada. O cineasta limitouse a facerlle preguntas a súa avoa e gravar as respostas. Vicenta fixo todo o que se pode ver na película e tamén o que nunca se chegará a ver. Así pois, "A bizcochada" é un sorprendente e divertido bocado de realidade, no que imos coñecer unha muller inigualábel, unha brava muller da parroquia de Naraío. A súa enerxía e humanidade desbórdanse polos marxes do encadre ata chegar ao corazón de calquera espectador.

  • "A bizcochada"

  • Carlos A Quirós gravando en Naraío

  • Carlos Quirós na presentación da II Chanfaina Lab

  • Vicenta do Castelo (foto Gabriel Tizón)

  • Vicenta e Carlos (foto Gabriel Tizón)

  • Carlos (segunda fila) na estrea da Chanfaina lab

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: labregos e labregas, muller, lendas, Naraío, Chanfaina'Lab, cinema, conflitos, creador@s, vídeos, visitantes

Autor/a: Carlos A Quirós

Vídeos:
"Ferrol mola"
Servicio social (teaser)
Pantano Blues
"Un novo amencer" - Os John Deeres
Os "pioghosos"

Compartir en: